Thursday 16 de May de 2024

Cambre lanza unha APP para xestionar as incidencias de obras e servizos no Concello


Xa se pode descargar para dispositivos andriod e IOS

A partir de agora os veciños poderán descargarse unha aplicación para o seu terminal móbil para advertir aos servizos municipais de calquera incidencia de obras e servizos no termo municipal. Hoxe o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, e a concelleira de Servizos, Elisa Pestonit, presentaron esta nova ferramenta de comunicación de incidencias.

A aplicación permite realizar unha foto, geolocalizar a incidencia e escribir un texto sobre a demanda que chegará automaticamente aos responsables dos departamentos municipais.

Unha vez resolta a incidencia comunicaráselle ao veciño que alertou do problema da súa execución. A aplicación é gratuíta e xa está dispoñible para dispositivos Android e IOS de Apple.

Agora os veciños poderán comunicar en tempo real aos servizos técnicos calquera incidencia ou problema para que sexa emendado no menor tempo posible. Os cambreses poderán informar de problemas de fochancas, beirarrúas en mal estado, iluminación, mobiliario público, sinalización, xardíns, parques, medio ambiente ou xestión de residuos, entre outros.
Para promocionar esta ferramenta o Concello editou un vídeo no que se explica o funcionamento da App que xa se pode ver en youtube ou desde a páxina web municipal.
É a segunda aplicación que lanza en Concello de Cambre nesta lexislatura continuando co obxectivo de modernización da administración local. O obxectivo é mellorar e ampliar as canles de comunicación cos veciños, conscientes de que o uso do móbil por parte dos cidadáns para realizar xestións vai en aumento e parece imparable.

Xa hai meses o Concello creou unha aplicación para a OMIX, tamén gratuíta, para que os mozos sigan desde o seu móbil as actividades programadas e póidanse inscribir en tempo real nas mesmas.